Sabías que os cidadáns romanos gozaban de recitais de poesía mentres se bañaban en augas termais?

Termas

As termas representaban algo máis ca un lugar onde bañarse: eran tamén un espazo de deporte, biblioteca e auditorio para escoitar recitais de poetas pouco profesionais e afeccionados. O que non facían, xeralmente, nestes espazos era nadar, xa que a piscina estaba máis pensada para o relax que para o exercicio físico.

Tanto homes coma mulleres ían ó baño público, tanto para tratar o seu corpo como o seu espírito; non só se apreciaba auga quente ou masaxes con aceites perfumados nestes establecementos, senón o trato verbal con outros asistentes, o que brindaba noticias auténticas de chismes que circulaban pola cidade. As mulleres tiñan acceso ás termas dende as primeiras horas do día ata a hora sétima e os homes as horas restantes, dende a hora oitava (dúas da tarde).

As antigas Termas romanas públicas de Lucus Augusti estaban situadas ás beiras do río Miño, a pouca distancia da ponte, conservadas, en parte, na planta baixa do actual hotel balneario, foron declaradas BIC.

Construídas a comezos do Século I d.C. foron lugar de parada obrigada para os viaxantes e os habitantes da cidade que se acercaban a elas polo treito da vía romana, atopando aquí un espazo de ocio e recreo ao mesmo tempo que de curación, grazas ós ricos acuíferos medicinais, con temperaturas que acadaban os 43,8 ºC, e que na actualidade continúan a usar no balneario. Das súas ruínas, aínda impoñentes, falan diversas testemuñas do século pasado, sinalando a existencia no lugar de varios vestixios relacionados ca antiga fábrica romana.

Delas persisten, hoxe en día, tres salas abovedadas. Dúas delas, ben pavimentadas en opus signinum (composta de fragmentos de tella e ladrillo con cal), e provistas de pequenos nichos nas paredes, semellan identificarse co antigo apodyterium (zona de vestiarios). Non obstante, isto é só unha pequena parte do conxunto, que excedía as dimensións do actual balneario.

Coñécense outras estancias que correspondían a un espazo porticado, inicialmente concibido como palestra (ximnasio) e posteriormente como basílica thermarum (estancia basilical). No patio posterior había unha gran piscina, feita de potente formigón romano (opus caementicium).

Documentáronse, ó mesmo tempo, os diversos condutos de captación e canalización das augas termais, así coma os os sistemas de drenaxe. Demostrouse tamén a existencia dun culto vinculado ó uso das augas, grazas ó achado de 14 aras ou altares ás Ninfas, o que confirma o uso terapéutico-relixioso das instalacións, xunto cunha faceta máis profana vinculada ó ocio e ós baños hixiénicos. O abandono e desmantelamento dunha boa parte das instalacións daríase ó arredor do Século III d.C. Non obstante, as súas benéficas e saudábeis augas seguirán empregándose na época medieval e en tempos máis modernos.

Sabías que por esta ponte pasaban os comerciantes de Astorga no seu camiño a Lugo e Braga?

Ponte Romana

Lucus Augusti era, no século I, un dos epicentros viarios máis importantes do Noroeste da Península, onde nacían ou morrían varias rutas. Por este motivo, non é de estrañar que os romanos necesitasen deseñar e construír unha ponte, ao sudoeste da cidade, que cruzase o río Miño e comunicarse cos principais núcleos de comercio da antiga Gallaecia.

Unha das principais rutas era a vía XIX do Itinerario de Antonino*, construída a principios do século I da nosa era, en época de Augusto, que unía Asturica Augusta (Astorga), pasando por Lucus Augusti, con Bracara Augusta (Braga) a través dun percorrido de 299 millas (450 kilómetros). Seguindo o curso do antigo decumanus maximus (unha das principais rúas da urbe romana), ata a súa saída pola Porta Miñá, a vía XIX inicia o seu percorrido cara a Bracara , en continuo descenso ata o río Miño.

Para dar paso á vía XIX e posteriormente a outras que se van deseñando, os romanos construíron unha gran ponte de granito. Ao parecer, na súa construción participaron enxeñeiros militares da Lexión X Gémina, cuxa marca aparece nalgún dos sillares da ponte. Consérvanse partes da fábrica orixinal romana en varios dos seus alicerces, nos que se poden recoñecer algúns dos detalles construtivos que o caracterizan: alternancia de fiadas dispostas a soga e tizón, almohadillado dos sillares de granito, grampas con dobre cola de milano, marcas de panca, inscricións, etc. É posible que a ponte orixinal tivese oito arcos de 10,40 metros, cunha composición simétrica, alicerces de 4,70 metros de espesor cun tajamar semicircular na súa fronte de 2,35 metros de radio, e rasante horizontal, cunha tipoloxía habitual noutras pontes de Hispania. A súa lonxitude, duns 120 metros, e a súa anchura, de 7 metros, dan unha idea da monumentalidade desta obra.

A ponte mantívose en servizo ao longo da historia, servindo de paso a distintas rutas medievais (como a do Camiño Primitivo a Santiago) dando continuidade aos Camiños Reais a Santiago e Ourense e ás modernas estradas dos séculos XIX e XX.

As pegadas de todos estes camiños quedarían reflectidas na ponte a través das diferentes reformas que se poden recoñecer nel. Reformas, de gran calado que rompen coa estética tradicional romana, sucedidas en época medieval e nos séculos XVI, XVIII e XIX, culminando con actuacións de arqueoloxía e de rehabilitación para a súa posterior peonalización entre 2012 e 2013.

*Itinerario de Antonino: documento da Roma antiga, redactado no século III, que recompila as rutas do Imperio Romano.

Sabías que os emperadores romanos xa expropiaban terreos para que os enxeñeiros puideran levantar as súas impoñentes construcións?

Acueduto

As cidades romanas necesitaban unha subministración de auga abundante e segura. A auga era vital para o desenvolvemento da vida urbana. En palabras de Plinio o Vello: “É a auga a que fai a cidade”. A auga chegaba á cidade a través dos acuedutos, desde as fontes próximas e ata uns grandes depósitos chamados castellum aquae.

A construción dos acuedutos estaba regulada por leis, como as que recolle o Codex Theodosianus (Código Teodosiano), de principios do século V. Nel definíase o marco legal dos acuedutos onde se recollían, por exemplo, a expropiación de terreos para levar a cabo a construción destas obras públicas, as condicións para regar os xardíns coa auga da canalización, mesmo a prohibición de plantar árbores a unha distancia inferior a 4,5 metros en ambos lados do acueduto, para que as súas raíces non puxesen en perigo a durabilidade da obra.

O acueduto de Lucus Augusti comezaba en “Agro do Castiñeiro”, no actual barrio da Piringalla, onde se recollía a auga dos ricos mananciais acuíferos existentes na zona. A auga aquí recollida discorría ao longo de aproximadamente 2.100 metros, axudada por un desnivel duns 6,5 metros entre a zona de captación e o castellum aquae (depósito de distribución de auga), situado na parte alta da actual Praza de Santo Domingo, dende onde distribuíase a auga por toda a cidade a través de tubaxes de chumbo.

Debido á necesidade de manter unha pendente constante, para que a velocidade da auga non fose excesiva, o deseño do acueduto non é recto, senón que fai diferentes xiros ao longo do seu percorrido. Para vencer o pequeno desnivel existente á altura do barrio da Milagrosa, recorreuse a un sistema de arcos ou arcuationes, que sostiñan a canle e mantíñano ao nivel adecuado.

O acueduto sufriu modificacións, posiblemente na época medieval, mesmo sábese que no século XVI o Concello tentou modificalo, dada a escaseza de auga ante o importante crecemento da cidade. A mediados do século XVIII, por iniciativa do bispo Izquierdo, construíuse un novo acueduto paralelo ao romano, para dar solución á falta de auga.

Durante as obras de peonalización da Rúa San Marcos, púidose documentar un tramo da parte de intramuros do acueduto orixinal, hoxe visible a través dunha xanela. A obra romana é facilmente reconocible no muro corrido, de aproximadamente un metro de ancho, fabricado en opus caementicium (formigón romano realizado con cuarcitas de mediano tamaño ligadas con morteiro de cal e area), no que se poden observar as pegadas do encofrado de madeira (moldes do entablado e buracos que atravesan o muro, onde se colocaban as madeiras ou travesas que soportaban o entablado). Como base da estrutura de caementicium emprégase un empedrado de cuarcitas e arxila, máis ancho que o propio muro. Esta estrutura constituía a base sobre a cal discorría a canle de auga (specus). Presenta unha remodelación posterior, realizada en mampostería de lousa, datada probablemente en época medieval.

Sabías que o funcionariado de hai 2000 anos traballaba no mesmo sitio que hoxe en día?

Basílica Romana

O foro era o centro da vida urbana na cidade romana e por tanto, o punto de converxencia ou espazo común onde se desenvolvía a vida pública da cidade, relacionada coa coa política, os asuntos xudiciais, relixiosos ou os negocios comerciais.

O foro de Lucus Augusti era unha gran praza pública porticada de forma rectangular, que medía 108 metros de ancho e 196 metros de longo, cunha superficie aproximada de 21.000 m². Aparece pechado sobre se mesmo e bordeado polos viarios principais da cidade (kardi e decumani), que á súa vez, determinaban o eixo dominante da cuadrícula urbana. Ordenados de forma axial, distribuíanse os tres ámbitos clásicos da área foral: a área sacra, a praza pública e a basílica. O foro viña coincidir co rectángulo comprendido entre a Praza de Santo Domingo (ao norte), rúa da Raíña (ao oeste), rúa do Progreso (ao leste) e a sede do actual consistorio (polo sur). E é precisamente aquí onde se achan os restos da basílica romana.

No foro romano, a basílica era un edificio público con múltiples usos: sede dos tribunais de xustiza, lugar de transaccións financeiras, templo de culto, mercado e lugar de celebración de reunións de índole diversa da cidadanía.

A basílica lucense, de planta rectangular, cunhas dimensións aproximadas de 90 metros de lonxitude e 25 metros de anchura, estaba dividida en tres naves, compartindo coa praza pública o seu pórtico meridional.

O funcionario de hoxe compartiría espazo co romano encargado da administración financeira e os labores lexislativos, xa que o actual edificio destinado a Concello de Lugo, aséntase sobre os alicerces do que podería denominarse como o Concello do antigo Lucus Augusti. Alicerces dun gran muro de 1,35 metros de ancho, construído en opus caementicium (formigón en época romana) na base e laxas de lousa na parte superior, pertencente ao soto da nave central da basílica.

Parte destes alicerces, os únicos restos que se conservan, datados do século I, poden visitarse no Centro de Novas Tecnoloxías, na parte traseira da casa consistorial de Lugo, situada na Praza Maior. A peculiaridade destes restos é que están dentro do edificio, algo que converte á sede do goberno lucense nunha das poucas do mundo con vestixios romanos no seu interior.

Sabías que as calzadas romanas xa tiñan sistemas de regulación de velocidade?

Calzada

As rúas de Lucus Augusti presentan unha disposición na que cabe diferenciar, por unha banda a calzada, por onde discorrían carros e mercadorías, e pola outra, as beirarrúas, que eran os espazos reservados á circulación de peóns. Polo día, cabe imaxinar as rúas cheas de bulicio e unha intensa animación, poboadas por unha aglomeración de xentes que circulaban polos postos de venda situados baixo os soportais. Pola noite esta marea de xentes cesaba, para dar paso ás bestas de carga e carretas que repartían as mercadorías, e cuxo tránsito estaba reservado ás horas nocturnas; xa que tiñan prohibida a circulación polas rúas durante o día, porque constituían un perigo permanente para os cidadáns e unha molestia para a cidade.

A calzada estaba ben pavimentada con cantos de río de diferente tamaño e grosor, conformada por varias capas. As rúas sufrían sucesivas reformas ou reparacións na súa pavimentación ao longo das diferentes etapas da cidade, afectando ao ancho das mesmas, reducindo en moitos casos o espazo de circulación.

Non todas as rúas posuían beirarrúas, pero cando estas existían presentaban un pavimento de terra batida e moi ben compactado. Por outra banda, a maioría das beirarrúas estaban porticadas, polo menos nun dos seus lados, como era costume en moitas cidades romanas. Estes pórticos non só permiten gorecerse das inclemencias do tempo, senón que son tamén un lugar idóneo para a instalación de pequenas tendas comerciais que ocupaban os baixos das casas.

Nun dos locais da planta baixa deste antigo pazo urbano do século XVIII, transformado en centro comercial, consérvanse os restos dun treito de calzada de cantos rodados dunha rúa romana de catro metros de anchura, cinguida polos muros das edificacións laterais, datada no século I despois de Cristo. A particularidade desta rúa da antiga urbe romana é que non tiña beirarrúas, como era habitual en Lucus Augusti, polo que se trataba con seguridade dunha rúa menor ( cardo minor ). Hai que sinalar que os restos conservados, descubertos con motivo das escavacións arqueolóxicas realizadas neste solar no ano 1991, foron trasladados en bloque lixeiramente (uns 2 metros) en relación coa súa posición orixinal, aínda que conservan a mesma orientación.

Sabías que os romanos, nos ritos funerarios, tiñan pequenos vasos de cerámica onde recollían as bágoas que os parentes e amigos derramaban polo defunto?

Estrutura Funeraria

Nos ritos funerarios, como agora, dispoñíase do corpo do morto de dúas maneiras: a cremación e a inhumación. O que si era distinto ao rito funerario actual era a presenza, entre as ofrendas de amigos e familiares, duns pequenos vasos de vidro ou de cerámica que, pola función que desempeñaban, recibiron o nome de lacrimatorios; eran de forma tubular cun ensanche na base e servían para conter as bágoas que os parentes, amigos e carpideiras profesionais derramaban polo defunto.

Existía todo un ritual desde a morte ata o enterramento. Un deles consistía en dar un bico ao falecido para extraer a súa alma e que esta non se perdese; pecharlle os ollos ao defunto e pronunciar o seu nome ata tres veces (conclamatio) para asegurar que estaba morto. O cadáver, vestido, perfumado e con flores, era exposto nunha cama ou liteira, no atrio da casa, colocado cos pés cara a porta de entrada da vivenda. O traslado do defunto ao cemiterio efectuábase en cadaleito de madeira, portado por catro ou seis homes, precedidos por músicos e plañideras. Os velorios podían durar entre tres e sete días.

O ritual máis antigo constatado en Lucus Augusti é o da incineración, que consistía na redución a cinzas do cadáver. Na cidade coñécense tres importantes necrópoles de incineración. Os enterramentos deste tipo que coñecemos, consistían en simples fosas escavadas no chan ou en pequenas cistas ou caixas realizadas con tégulas e ladrillos, en cuxo interior se depositaba a urna cerámica que recollía as cinzas do morto, acompañada polos obxectos que formaban parte do ajuar funerario. Estas urnas tamén se podían colocar en nichos practicados nas paredes ou chans dos edificios funerarios, fosen de carácter familiar ou colectivo (columbarios).

En relación con este tipo de enterramento, no actual edificio do Centro Cultural Vello Cárcere, consérvanse os restos dunha estrutura soterrada, a modo de pequeno mausoleo ou hipogeo, de forma cuadrangular e algo máis de 2 metros cadrados de superficie (1,53 x 1,57 metros), con muros de mampostería de lousa e que contaba con catro escalóns de acceso.

A función desta estrutura non está totalmente definida, pero relaciónase cun lugar de enterramento –a pesar de que non apareceron restos de cremación– asociado á necrópole documentada na zona de San Roque, unha extensa área funeraria que foi lugar de cremación e inhumación durante todo o período romano.

Sabías que nesta impoñente mansión, fronte á entrada da actual catedral, vivía Gaio Victorio Victorino, o recadador de impostos de Lucus Augusti?

Domus do Mitreo

O seu nome aparece gravado nunha ara atopada no templo mitraico, que se construíu anos máis tarde, xunto á domus (casa), polo que se sabe que este personaxe viviu aquí, e durante a súa estancia en dita domus , construíu o edificio anexo dedicado ao culto.

Gaio Victorio Victorino foi centurión da Legio VII, e estaba á fronte dun destacamento militar encargado, segundo a inscrición do ara, do funcionamento dunha statio lucense (oficina tributaria). Por isto, é posible saber que parte da domus estaba dedicada a esta función administrativa, e por iso estaba situada xunto a unha das calzadas da cidade.

Situada, actualmente, xunto á Porta de Santiago, fronte á Catedral, foi un impoñente edificio de grandes dimensións, construído na época alto imperial, que contaba con planta baixa, un amplo patio e un primeiro piso.

A súa orientación cara ás ribeiras do río Miño e ás zonas cos mellores chans para o cultivo, convértena nunha privilexiada, dominando a paisaxe.

Trátase dunha vivenda cun deseño arquitectónico moi avanzado para a época, na que se coidaron as súas proporcións xeométricas e a utilización de diferentes materiais en función do fin ao que ían destinados.

Tanto as paredes como os teitos estaban decorados con pinturas murais. As primeiras cun esquema decorativo dividido en tres sectores horizontais, e os teitos cunha composición ortogonal de círculos secantes sobre un fondo ocre.

A pesar da maxestosidade do edificio, a comezos do século IV d. C., a protección da cidade era o máis importante, e para iso foi necesario unha destrución organizada e selectiva de parte da domus, para así dispoñer de espazo suficiente para encaixar tanto a muralla como o intervallum (calzada que bordea a muralla pola súa cara interna).

Hoxe en día, consérvanse restos musealizados de varias das estancias desta domus, organizadas ao redor dun patio central porticado. Consérvanse muros de máis de dous metros de altura, pertencentes a algunha da estancias da domus, que contan con importantes vestixios de pintura mural e tamén se poden observar parcialmente algúns elementos estruturais do patio, como o lousado, baseas e columnas.

Sabías que os romanos pobres tiñan que saír de casa para ir á latrina, mentres que os ricos dispoñían de servizos propios?

Restos Domus

O motivo polo cal aparecen abundantes vestixios da cidade romana fóra do recinto amurallado, na actual zona do barrio de Recatelo, obedece á construción da muralla. A nova cidade amurallada de finais do século III, por motivos de carácter defensivo, deixa fóra dos seus muros unha ampla zona situada ao suroeste, gañando pola contra unha estreita franxa de territorio cara ao norte e noroeste.

Esta zona estaba ocupada maioritariamente por casas ou insulae máis modestas que as grandes domus ou casas señoriales. Estaban constituídas por unha ou dúas plantas, coa parte superior para a zona residencial, mentres que na parte baixa podíanse localizar todo tipo de actividades comerciais e artesanais. A diferenza das grandes domus dos patricios, os minúsculos apartamentos das insulae non tiñan cociña nin auga corrente. Ter cociña era un luxo para a maioría, así que a xente acudía ás lixae, postos onde se vendía comida, ou ás popinae e cauponae , bares e hostais nos que se servía comida e bebida.

A maioría destas vivendas foron arrasadas e os seus materiais, empregados no levantamento da muralla. Co paso dos anos esta zona foise convertendo nun máis dos barrios extramuros da cidade, quedando relegada á presenza de fornos oleiros ou outras pequenas industrias que, como era habitual, localizábanse no arrabalde urbano. Ao mesmo tempo, tamén resulta frecuente documentar un gran número de enterramentos de inhumación, o cal fala da presenza de zonas cementeriales, que foron substituíndo aos ámbitos antigamente residenciais.

Conservados nun patio aberto, dentro do espazo ocupado polo edificio da sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Lugo, obsérvanse os muros dalgunhas dependencias pertencentes a unha destas casas romanas máis humildes, datada nos séculos II e III, entre os cales se recoñece un posible forno doméstico de planta circular, que se localizaría na parte baixa da edificación. Os restos, aínda que se conservan no mesmo lugar do seu achado, foron trasladados en bloque a unha cota máis baixa da que ocupaban orixinariamente, para poder desenvolver o proxecto construtivo do novo edificio.

Sabías que neste templo sacrificábanse animais ao deus Mitra?

Templo de Mitra

Neste lugar de culto practicábase o mitraísmo, relixión mistérica de orixe oriental, que se estendeu moi rápido entre as lexións romanas, debido a que estaba participada, prioritariamente, por homes sen importar a súa clase social.

Segundo as súas crenzas, Mitra, deus da luz, nacería da petra generatrix, xunto a un manancial e baixo unha árbore sacra. Tempo despois, atoparíase co touro mentres paseaba polas montañas e, suxeitándoo polos cornos, montouno ata que o animal quedou exhausto; entón levouno aos ombreiros ata a cova onde vivía, e un corvo díxolle que o touro debía ser sacrificado.

Ao principio, os seguidores desta relixión, reuníanse en covas naturais, en recordo da cova na que vivía, segundo a crenza, Mitra. Pero máis tarde comezaron a construír recintos artificiais, escuros, sen xanelas que permitisen entrar a luz, recreando así, a sensación daquelas primeiras covas, nas que soamente se podían reunir uns corenta fieis.

Nestes recintos, os fieis, celebraban banquetes nos que consumían pan e viño, e que, en ocasións, incluían o sacrificio animal. Os romanos, seguidores desta crenza, pensaban que o seu comportamento ético e moral, a súa capacidade de esforzo e sacrificio e a participación nestes rituais asegurábanlles a vida eterna, xa que o mitraísmo contempla ao home como o suxeito único do seu destino.

Esta crenza, protexida polos emperadores, terá a súa época de esplendor a finais do século II e durante o século III e é que a súa estrutura fortemente xerarquizada axudáballes a reforzar o seu propio poder. Xa no século IV, coas perdas territoriais do Imperio, comezou a súa época de decadencia, agravada polo establecemento da liberdade de relixión no ano 313.

Este templo lucense, situado fronte á fachada principal da Catedral, xunto á Porta de Santiago, é un dos poucos monumentos mitraicos de España que poden ser datados con fiabilidade no século III. Construído a principios do devandito século, xunto a unha gran Domus Altoimperial, perduraría ata mediados do século IV, sendo así un dos templos mitraicos que máis tempo perdura en Hispania.

Consta dunha estrutura rectangular na que se distinguen tres partes: a antecámara, o spelleum (cova), unha sala decorada con pinturas e bancos corridos nas paredes para poder celebrar os banquetes, e o santuario, onde estaba o altar e a representación de Mitra dando morte ao touro.

Aínda hoxe consérvanse restos arquitectónicos, abertos ó público, do que foi este templo mitraico, ademais dun ara de granito cunha dedicatoria a Mitra do centurión Gaio Victorio Victorino pertencente á Legio VII. Tamén se atoparon restos de bronce, posiblemente pertencentes a unha estatua do deus Mitra.

Sabías que a cerámica de Lucus Augusti exportouse a máis de 700 km de distancia?

Fornos oleiros

Lucus Augusti foi, ao longo do século I e practicamente ata mediados do século V, unha urbe oleira. Os talleres oleiros estendíanse por toda a banda norte da cidade, onde se puideron documentar un gran número de fornos, como os que aquí se poden contemplar. Devanditos talleres producían vasillas de todo tipo, relacionadas principalmente co uso de cociña ou almacenaxe, e pronto adquiriron un gran prestixio, grazas á calidade das mesmas. Baixo a marca de oleiros como Quinto, Capito, Rufi, Rufianus, etc., os produtos lucenses alcanzaron un gran auxe e difusión, sendo comercializados a zonas tan afastadas como o val do Ebro ou norte de Portugal, onde se puido constatar a súa presenza.

Dentro das producións lucenses, destacan as denominadas cerámicas de engobe vermello, chamadas así polo característico pigmento avermellado que as cobre e aplícase de diferentes maneiras, segundo o tipo de recipiente. Inspirados en modelos romanos, as primeiras producións lucenses imitan a característica terra sigillata, pero están realizadas conforme ás pautas da cerámica indíxena. Con todo, as cerámicas lucenses alcanzarán o seu maior esplendor e difusión a finais da primeira centuria, coa produción masiva de pratos e cuncos para o servizo de mesa.

A partir de finais da terceira centuria, diversifícase máis a produción, coa fabricación non só de pratos, senón tamén xarras e grandes bandexas, ademais de cuncos, inspirados nas formas da sigillata tardía. A alta consideración destes produtos fai que tamén sexan empregados como elementos habituais nos enxovais funerarios que acompañan os enterramentos desta etapa.

Os fornos agrupábanse en pequenos talleres, e presentaban diferentes tipoloxías de formas. Aquí pódense contemplar dous destes fornos, que conservan intacta a súa estrutura inferior, formada pola cámara de combustión e o conduto de alimentación da calor ou praefurnium e, mesmo nun deles, as arcadas que sustentarían a grella de cocción. Caracterízanse polo seu pequeno tamaño e a súa forma elíptica e están construídos a base de pequenas láminas de lousa. Estes extraéronse do xacemento e recolocáronse nun lugar próximo ao do achado, dentro dun patio entre casas, ao cal se accede a través do primeiro soto da casa situada en Rúa Nova, nº80; polo que a súa visita só pódese realizar previa demanda.

Sabías que Braga, Astorga, León e Lugo competían por ter a muralla máis grande?

Muralla

A finais do século III, nun momento de crise e apuro para o imperio romano ante a presión dos pobos bárbaros, planifícase e constrúese a muralla de Lugo, que perdurará ata os nosos días con escasas reformas que non chegaron a modificar, substancialmente, o seu aspecto orixinal.

A súa construción obedece a un plan imperial que consistiu en establecer toda unha liña defensiva articulada por cidades amuralladas dotadas de fortes defensas, entre as que a mesma Roma sería o primeiro obxectivo a protexer. Por iso é polo que, do mesmo xeito que Lugo, outras cidades hispanas tamén se fortificaron con murallas que presentan grandes similitudes na súa construción, tal é o caso de Barcino (Barcelona), Caesaraugusta (Zaragoza), Veleia (Iruña), Legio (León), Asturica (Astorga) ou Bracara (Braga).

A muralla lucense, concíbese como un auténtico proxecto de enxeñería militar rigorosamente planificado, tanto no referente ao seu trazado como ás técnicas construtivas e aos diversos elementos que conforman a súa estrutura arquitectónica, converténdose por iso en paradigma dos recintos defensivos urbanos de época romana.

O trazado da muralla debuxa un rectángulo imperfecto de lados oblongos, adaptado á topografía do terreo, que abarca unha superficie intramuros de aproximadamente 35 hectáreas, que na actualidade correspóndese co actual centro histórico da cidade de Lugo. O perímetro desta obra, integramente conservado, alcanza algo máis de 2 kilómetros.

Esta fortificación contaba en orixe con 85 torres de planta semicircular, con diámetros que oscilan entre os 5 e os 13 metros, na actualidade moitas delas destruídas ou modificadas e que en orixe estaban coroadas por dous ou tres pisos, perforados por varias xanelas en arco. Estas torres estaban separadas entre se por lenzos de muro recto ou cortinas que presentan unha lonxitude variable e un espesor medio de 6 metros.

Na construción da muralla utilizáronse como materiais principalmente lousas características da zona lucense, xunto con cuarcitas e sillares de granito. O núcleo principal da muralla está constituído por un potente recheo de lousas, cuarcitas e outros materiais reaproveitados (por veces de carácter arquitectónico ou epigráfico), amalgamados con cal e area, dispostos en capas alternas, todo comprimido entre dous paramentos ou muros de lousa que se levantan dereitos polo exterior, mentres que polo interior presentan un característico perfil crebado.

A muralla conta hoxe con dez portas para acceder ao recinto intramuros, das cales só cinco considéranse de época romana (Porta Nova, Porta Miñá, Porta de Santiago, Porta de San Pedro e Porta Falsa), aínda que con importantes transformacións.

Foi declarada Monumento Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000, xa que foi considerada como a mostra máis monumental, mellor conservada e con maior integración no tecido urbano que a rodea, non só de España, senón no que foi todo a área territorial do Imperio Romano.

Sabías que a muralla foi deseñada tendo en conta as pautas de Vitruvio, un dos máis grandes arquitectos e enxeñeiros de todos os tempos?

Alicerces Porta Nova

Detrás da construción da muralla, pura enxeñería, houbo centos de mans de peóns que non eran escravos, senón militares e, mesmo, a propia poboación de Lucus Augusti , que colaboraría no seu levantamento. Pero non só participaron as mans dos que cargaban e colocaban pedras. Tamén están as de enxeñeiros, topógrafos e arquitectos que, cos seus planos e estudos, propuxéronse levantar a muralla máis impoñente e impresionante de toda Gallaecia. Ademais, deseñouse seguindo en gran medida as pautas de Vitruvio, enxeñeiro e arquitecto romano do século I.

A súa planta, de forma curva, lixeiramente rectangular, con esquinas redondeadas e torres a curta distancia unhas doutras, estaría motivada pola necesidade de adaptarse á topografía do lugar. De igual modo, moitos dos sistemas construtivos que se advirten na súa construción, seguen as directrices de Vitruvio.

Na súa construción utilizáronse como materiais, principalmente lousas, cuarcitas e sillares de granito. Estes reserváronse para a construción das portas principais, por ser estas os elementos máis vulnerables da fortificación.

As portas da muralla de Lugo, eran monóforas, isto é, dun só van, flanqueadas, cada unha, por senllas torres semicirculares, que se proxectan cara ao interior mediante unha contraporta, e defendidas sucesivamente, de fóra a dentro, por unha reixa de ferro e unha porta de madeira de dobre batiente.

Na actualidade consérvanse catro ou cinco portas do recinto orixinal, das cales tan só unha, a Porta Miñá ou do Carmen, conserva practicamente intacto o seu aspecto primitivo.

A Porta Nova, outra das cinco portas da muralla que se consideran orixinais, conserva os restos dos seus alicerces romanos, xa que a súa traza actual correspóndese a unha reforma de 1900. Estes parecen corresponderse á estrutura dunha contraporta interior. Consisten en varias fileiras de perpiaños de granito asentados a óso, inmediatos á calzada, pero lixeiramente retraídos en relación coa porta, nun dos cales leese a inscrición FVNDAM (alusiva os fundamenta ou fundamentis, isto é, as cimientacións da obra).

Sabías que dende estes arcos, os soldados romanos lanzaban frechas aos invasores?

Torre da Mosqueira

Os enxeñeiros e arquitectos romanos artífices da muralla non daban puntada sen fío. E é que a altura do monumento, pola parte exterior, oscila entre os 8 e os 12 metros, podía ser aínda maior, se temos en conta os corpos superiores das torres. Estas podían ter un ou dous pisos, con catro ou cinco xanelas en arco, desde as cales os defensores lanzaban as súas frechas ou ballistae.

A torre da A Mosqueira, é a única torre que se conserva co aspecto máis parecido ao que terían os cubos da muralla romana, situada entre o reduto de María Cristina e a porta de San Pedro, converteuse no principal símbolo, non só da muralla, senón tamén da cidade. Esta conserva ventás en forma de arco de medio punto de 1,15 metros de ancho e 1,43 metros de alto.

Os restos desta son proba de que sobre cada un destes cubos erguíanse senllas torres de, polo menos, dous pisos, nos que se abría unha liña de catro ou cinco xanelas con arcos rematados, posiblemente, por unha cuberta superior con tellado de tella ou lousa a tres augas. Moitas destas torres, cos seus pisos e xanelas, todavían eran visibles nos séculos XVIII e XIX, sendo demolidas a maior parte delas durante a reforma decimonónica de Alejo Andrade; permanecendo como único testimonio das mesmas a subsodita torre da A Mosqueira.

A muralla estaba composta por 85 torres ou cubos defensivos con planta redonda, de entre 5 e 14 metros de diámetro, pensadas así xa que as formas redondas aguantan mellor os empuxes. O número de cubos e a súa disposición non é aleatorio, xa que evita a existencia de ángulos mortos. Os lenzos ou cortinas, tramo de muro que se estende entre dúas torres, teñen unha lonxitude de entre 6,3 e 13,5 metros.

Dos 85 cubos orixinais, consérvanse 75: 64 presentan planta semicircular ou modificada; 8 teñen planta trapezoidal debido á división en seccións en diferentes épocas; e os 3 restantes son cuartos de círculo debido a seccionados transversais posteriores.

Sabías que había que utilizar escaleiras móbiles de madeira para chegar ás escaleiras superiores de acceso á muralla?

Escaleiras Orixinais

Sabías que recibe este nome por ser a saída natural cara ao río Miño?

Porta Miñá

Coñecida popularmente na actualidade como Porta do Carmen por estar situada fronte á capela deste nome, aparece na documentación medieval como Miné ou Mineana, por ser a saída natural cara ao río Miño, nome que derivou no actual de Porta Miñá. Era a entrada da vía XIX procedente de Bracara Augusta (Braga) e enlazaba co decumanus maximus de Lucus Augusti.

É a máis antiga, sendo a porta de orixe romana que se conserva con menos modificacións. Sometida a un proceso de consolidación en 1854, tentouse a súa derriba para substituíla por outra nova en 1870, pero a situación de crise económica municipal non permitiu realizar a obra.

Conserva no seu interior o oco destinado ao corpo de garda, aínda que alterado debido a que se tapiou o arco superior que daba acceso a ese espazo, ademais de eliminarse o seu piso, o balcón e a escaleira para subir a el. Esta estrutura é probablemente da época medieval, dedúcese pola utilización de laxa de lousa, en lugar de granito, no tramo superior dos cubos e portas.

Neste oco localizaríase o mecanismo de elevación e descenso da porta. A dereita e esquerda pódense ver as acanaladuras que servían de guía deslizante á reixa levadiza de ferro. Tamén se advirte un paramento inmediato que serviu de cimentación para o edificio que pertencía a unha contraporta, a modo de prolongación do paso de porta polo interior. Estas contraportas debían alzarse, cando menos, ata a altura do adarve.

Esta porta está formada por un arco de medio punto, rebaixado, de carreiros de granito. No interior repítese o mesmo tipo de arco, formando unha repisa sobre a que descansaba un balcón que se proxectaba ao exterior e ao que se accedía por unha escaleira lateral situada na parte da esquerda.

No interior hai unha bóveda de canón en albanelaría de lousa, que se forma polo desenvolvemento de varios arcos de pedra, ao mesmo nivel que o paramento interior da muralla. O último dos arcos deixa aberto o oco que servía de habitación para a garda. Era un piso de madeira, armado sobre vigas do mesmo tipo de material, dividía o espazo en dous corpos.

É protexida por dúas sólidas torres semicirculares de perpiaños de granito que se proxectan cara ao exterior.

Hoxe en día, atravesando a porta, atopamos unhas escaleiras que nos permiten subir á Muralla. O Camiño Primitivo a Santiago deixa atrás a cidade ao saír por esta porta.

Sabías que esta era a única porta que permanecía aberta en tempos de peste?

Porta de Santiago

Está considerada unha das 5 portas da época romana con numerosas alteracións ao longo da súa historia. Hoxe coñecémola como Porta de Santiago, pero no século XII chamábanlle Postigo, Posticu, Porticu e na Idade Media Pexigo.

Deste nome dedúcese, que o postigo era un paso estreito, adaptada a súa anchura ao paso dunha persoa e que se abría noutra porta máis grande, de madeira.As súas dimensións son 4,1 metros de ancho, 5,50 metros de alto e ata o adarve, 6,90 metros.

Ata o século XVI, a Porta de Santiago foi unha porta de uso privado do cabido e os seus serventes. Facían uso dela para saír alén da muralla, para lavar no río Miño e para acceder ao Regueiro dos Hortos, onde tiñan os cóengos as hortas para abastecerse de hortalizas. Era en Recatelo, onde tiñan o seu matadoiro e obliga, e, uns metros máis abaixo, o palacio de Miraflores ou Casa da Viña, que era a residencia de verán do bispo. Todo isto fai supoñer que nesta época os peregrinos non utilizaron esta porta, e que saían por Porta Miñá.

En tempos de pestes esta era a única porta que permanecía aberta e tiña unha ponte levadiza.

Era unha porta privada dos cóengos, pois lembremos que vivían na rúa inmediata, chamada por esa razón “Rúa dos Cregos”.

En 1589 o bispo manifesta o seu desexo de pagar todo o que custase o arranxo da porta do Postigo, pois era frecuente que a rompesen aquelas persoas que non tiñan dereito a usala, coa condición de que lle desen a chave e a porta por súa. Finalmente, os cóengos cederon ao bispo o dereito que tiñan sobre a devandita porta.

Descoñécese como era a porta antes da reforma efectuada en 1759 polo bispo frei Francisco Izquierdo e Tavira, quen a fixo de uso público e alongouna para facilitar a entrada de carruaxes. Considerábase que era unha porta fundamentalmente de saída, esta é a razón pola que se coloca a decoración pola parte interior.

A partir dese momento, a porta coñécese como a Porta de Santiago, por ser a saída á estrada que conducía a esta cidade, ademais de ter unha imaxe ecuestre de Santiago Apóstol, debaixo o escudo de armas do Bispo Izquierdo e o ano da reconstrución.

Porta dun único van de acceso con arco de medio punto e bóveda de canón, realizados con carreiros de granito. Flanqueada con dous cubos asimétricos, sendo o de maior tamaño de lousa e o outro de granito, teñen asentos dunha pedra no seu parte interior, no adarve, para o descanso dos paseantes.

Actualmente, por esta porta accédese á fachada principal da Catedral Santa María e, ademais, é unha das saídas do Camiño Primitivo cara a Santiago de Compostela.

Sabías que por aquí entraban os mercadores toledanos que viñan a comerciar á cidade?

Porta de San Pedro

Tamén é de orixen romano, xa que por ela saían as vías XIX e XX en dirección a Asturica Augusta. Durante a Baixa Idade Media era denominada como Porta de Sancti Petri, xa que fóra do recinto amurallado estaba a capela San Pedro de Fóra.

Tamén, en época medieval foi coñecida como Porta Toletana ou Porta Toledana, ao estar situada ao final do camiño procedente de Castela, empregado sobre todo por mercadores toledanos que comerciaban na cidade. Na Idade Media, e na actualidade, segue sendo a entrada para os milleiros de peregrinos que se desprazan a Santiago de Compostela a través do Camiño Primitivo.

Esta porta sufriu numerosos cambios ao longo do tempo. Antes da súa modificación efectuada en 1781, estaba alintelada con vigas de madeira á altura dos postigos. Tras esa reforma, tiña un corpo de garda cunha estrutura semellante á da Porta Miñá, reconvertido en capela das Ermidas e que sería derrubada en 1846. Dispoñía dun postigo de ferro, e dise, que se pechaba unha hora máis tarde que as demais.

Na entrada desta porta atópase un arco faixón e unha bóveda de medio canón, con dimensións de 3,70 metros de ancho, e uns 4,85 metros de altura ata a clave e 10,80 metros ata o adarve.

No interior consérvase un arco de lousa e outros dous ou tres arcos máis, que forman a bóveda do corpo de garda e a capela, a onde se accedía polo interior, a través dunha escaleira situada á dereita.

A decoración atópase no exterior da porta, por ser fundamentalmente unha porta de entrada. Encima do arco, sobre un frontón triangular, sitúase o escudo da cidade, rematado coa coroa real, e flanqueado por dous leóns rampantes. Abaixo posúe unha cartela oval cunha lenda onde informa que foi reedificada por orde da cidá no ano 1781.

Houbo tamén intervencións en 1867. Pero é en 1973, tras a restauración xeral da muralla, “Muralla Limpa”, cando lla dota de dúas torres de flanqueo semicirculares de perpiaños de granito, xa que ata ese momento a porta estivo entre casas encastadas á muralla.

Se a Porta de San Pedro era a entrada principal da cidade, a rúa San Pedro era, e é, a continuidade cara ao centro urbano. Alí tiñan os artesáns os seus talleres na parte inferior e as súas vivendas na parte superior.

Sabías que foi utilizada polos romanos como unha saída de emerxencia no caso de asedio?

Porta Falsa

Suponse que foi unha das primitivas portas romanas, de uso militar, é coñecida polos romanos como posterulae, caracterizada por presentar un acceso de reducidas dimensións que se utilizaba como porta falsa para poder entrar ou saír en caso de asedio, que se abrían asimetricamente entre dúas torres. A saída era unha trincheira escavada no terreo. Tratábase dunha entrada secreta e subterránea para a calzada romana procedente de Mondoñedo.

Na Idade Media estiveron pechadas as súas portas, abríndose de novo no século XVII, en torno ao ano 1622, ao instalarse na actual praza de Ferrol, o hospital de San Bartolomé. Tamén se consideraba o seu uso habitual para o servizo diario de carros, cabalerías e persoas, e para o camiño que ía a Mondoñedo e outras partes do norte lucense, herdeiro dunha antiga vía romana que cruzaba a Terra Chá.

Apenas uns 40 anos despois, en 1660, foi de novo tapiada con portóns de madeira destinados ao control de entrada e saída da cidadanía.

Durante as Guerras Carlistas de mediados do século XIX, dotóuselle dun fortín exterior para darlle maior seguridade, derrubado en 1845 pero do que aínda son visibles as súas pegadas nos paramentos.

O seu estado actual corresponde coa modificación sufrida en 1798, presentando un arco de medio punto conformado por doelas de granito e bóveda de canón en albanelería de lousa, situándose asimetricamente entre dúas grandes torres moi separadas. O ancho é de 3,45 metros e o alto de 5,65 metros,e ata o adarve é de 11,50 metros.

Xa no século XX péchase ao tráfico e dótase de acceso con escaleiras. Polo que, actualmente, é unha porta peonil que permite a comunicación entre a Praza de Ferrol e a zona nordés da cidade. Atravesando a porta, á esquerda temos unhas escaleiras para acceder á muralla.

Sabías que co comezo do século XX decidiuse darlle unha nova vida á porta?

Porta Nova

A coñecida como Porta Nova, é unha das cinco portas orixinais construídas polos romanos, aínda que ao longo da historia sufriu varias reconstrucións.

Unha destas reconstrucións data da época medieval, cando aparece por primeira vez o nome “Porta Nova” mencionado en documentación do século XII. Máis tarde, co comezo do século XX, volve reconstruír debido ao seu estado ruinoso, que poñía en perigo a seguridade dos viandantes, segundo o proxecto do arquitecto municipal Juan Álvarez de Mendoza.

Esta última reconstrución é a que chegou aos nosos días, e para a súa execución foi necesario modificar un dos cubos e cortar parte doutro. Trátase dunha porta rematada por un arco carpanel de 4.60 metros de anchura, cunha altura de 8 metros ata a clave do arco, e case 9 metros ata o adarve. O arco está construído con doelas de granito almofadado, mentres que a bóveda está composta por carreiros de granito. As catro esquinas da porta remátanse mediante pilastras de carreiros de granito almofadados. Para as caras internas da porta utilizouse morteiro de cal.

Situada na zona norte da cidade de Lucus Augusti, foi utilizada como punto de partida cara a Brigantium (Betanzos) e outras poboacións situadas ao norte, ata que no século XIX foi construída a Porta de San Fernando, a través da cal sería desviado todo o tráfico, tanto de entrada como de saída, cara ás poboacións máis setentrionais.

Ó atravesar a porta, cara ao interior da muralla, atópanse a man dereita as escaleiras que dan acceso á parte superior da muralla, dende onde se observa gran parte da cidade, gozando tamén dunha estampa típica de Lugo, como son as torres da Catedral.

A Porta Nova, dá acceso a unha rúa, homónima, que hoxe en día é unha vía peonil na que se poden atopar multitude de negocios.

Sabías que os romanos expoñían as tumbas á entrada da cidade para que os defuntos fosen lembrados?

Necrópole

A necrópole de San Roque era a máis ampla da cidade de Lugo. Estaba situada como era habitual, fóra de murallas, nunha das vías de acceso á cidade, a denominada vía XIX que unía Astorga, Braga e Lugo.

Que a súa situación estivese preto deste camiño non era coincidencia, senón que, naquel entón, as necrópoles situábanse aos pés das vías de acceso ás cidades para que así as tumbas fosen vistas polo maior número de persoas posibles e así os defuntos fosen lembrados. Esta necrópole utilizouse dende o século I ata o século V, polo que se puideron documentar tanto enterramentos de incineración como de inhumación, aínda que estes son maioritarios.

A incineración podía ser en fosa ou en cista (tumba en forma de caixa de pequenas dimensións). Colocábanse obxectos, preto do defunto, co fin de prestar servizo á alma. Entre eses obxectos sempre había unha lucerna (para que o corpo atopase o camiño ao máis aló), comida (para a viaxe), e se se trataba de nenos, colocábanse os seus xoguetes favoritos. Tamén era frecuente depositar unha moeda (para o barqueiro Caronte, que leva as almas dos defuntos alén do río onde lles espera a vida eterna), obxectos persoais (anel) ou outro tipo de obxectos, como unha chave de bronce, que tiñan un sentido máis simbólico.

A inhumación aparece, ao redor da metade do século III, por influencia do cristianismo. Nesta necrópole documentouse un bo número deste tipo de enterramentos, cunha variada tipoloxía: sepulturas en fosa simple, en caixa de pedra, tégula ou ladrillo. O defunto era enterrado nun cadaleito de madeira ou simplemente depositado directamente na fosa cunha pequena mortalla. Ás veces o cadaleito era acompañado dun pequeno mobiliario en forma de enxoval cerámico ou doutros obxectos, que se depositaban á beira do féretro ou nun pequeno nicho lateral, co fin de facilitarlle ao falecido os alimentos imprescindibles para esta difícil viaxe.

No Centro Arqueolóxico de San Roque, consérvanse algúns destes enterramentos, realizados en tégula ou ladrillo; xuntamente cos restos dun gran estanque de auga en opus caementicium (formigón romano), que data dos séculos I e II, e que estaría en relación co propio ritual funerario ou, quizais, con algún culto relixioso relacionado con divindades orientais. Tamén se poden atopar restos dun forno do século V.

Sabías que se foses de visita a esta casa en época romana, os seus habitantes non che deixarían entrar a menos que levases as túas propias pantuflas?

Restos Domus

As grandes domus ou casas máis podentes contaban con todo tipo de instalacións e comodidades que facilitaban a vida dos seus habitantes: salas calefactadas por hipocausto, salas de recepción e comedor, termas e baños, etc. mentres as casas máis humildes apenas tiñan unha habitación para durmir. No caso dos romanos máis ricos, nas súas casas contaban con latrinas, ou baños, dentro das vivendas, mentres que o resto da poboación tiñan que acudir ás latrinas públicas, onde tiñan que pagar para acceder. Consistían en longos asentos corridos horadados con buracos onde as persoas sentaban, unhas xunto a outras, mentres charlaban de política, negocios ou do día a día. As latrinas eran mixtas, pero as mulleres romanas eran moi pudorosas e preferían esperar a súa quenda e deixar a alguén de garda na porta.

Estas casas máis humildes, na maior parte dos casos de aluguer, e concentrábanse nas denominadas insulae, que viñan ser como bloques de vivendas (ás veces de varios pisos), onde podían chegar a vivir ata varias familias. Na planta baixa adoitaban localizarse todo tipo de actividades comerciais e artesanais.

Hoxe en día, na cidade de Lugo, aínda non se atopou un conxunto habitacional completo de domus ou insulae, pero sí se coñecen parcialmente algunhas destas vivendas.

Na rúa Miño nº12, na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia, que ocupa a planta baixa desta casa do século XIX, consérvanse os restos pertencentes a un edificio romano de época baixoimperial, nos séculos III e IV. Estes consisten en dous muros perpendiculares, en mampostería de lousa, que definen dúas estancias ou ámbitos diferenciados dunha mesma edificación. Nunha destas estancias conserva prácticamente intacto o seu pavimento de opus signinum (composto por fragmentos de tella e ladrillo con morteiro de cal).

Na rúa Miño nº14, nos baixos desta casa do século XVIII, consérvanse restos arqueolóxicos correspondentes a unha casa romana ou domus residencial, tamén de época baixoimperial. Trátase dun patio interior pavimentado con grandes lousas de granito, delimitado parcialmente por muros de lousa de case 50 centímetros de anchura. Parte dun dos muros atópase derubado íntegramente sobre dito pavimento, como consecuencia do proceso de ruína do edificio romano. Sobre o pavimento de lousas realizouse un pequeno rebaixe que, a modo de canaleta, permite drenar as augas do patio cara unha pequena pila de granito a partir da cal se canalizaría o desaugadoiro.

Sabías que o sistema de calefacción romano é o antecesor dos chans radiantes que dispoñemos hoxe en día?

Casa dos Mosaicos

A Domus Oceani, comunmente coñecida como Casa dos Mosaicos, foi descuberta ó longo dos anos, en diferentes escavacións levadas a cabo no lugar. En 1842, debido ás obras para a construción da rede de sumidoiros da antiga rúa Batitales, atópanse os primeiros restos dun mosaico de temática mariña, presidido polo deus Océano, de aí o seu nome.

Ao longo dos séculos XX leváronse a cabo varias escavacións arqueolóxicas no lugar, o que permitiu recuperar novos vestixios deste magnífico mosaico. Decidíndose no ano 1999, por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conservar os restos in situ e levar a cabo a súa musealización.

Esta sucesión de escavacións deixou ao descuberto os restos dunha gran domus datada a finais do século III ou principios do século IV.

Esta gran vivenda foi, sen dúbida, propiedade dalgún personaxe da elite social da cidade, pois ocupaba unha ampla superficie moi preto do Foro, e dúas das súas fachadas estaban orientadas ás principais rúas de Lucus Augusti, o cardo e o decumanus.

Ademais dos seus magníficos mosaicos, foi descuberto un dos conxuntos pictóricos máis importante da cidade, formado por composicións de temática vexetal, imitacións de mármore, incluso unha composición de esvásticas contiguas nunha das estancias pavimentadas con mosaico, que precede ao gran oecus (sala de recepción).

Por todo isto é considerada un dos mellores exemplos da arquitectura privada de Lucus Augusti. E como vivenda de luxo que foi, dispoñía de certas comodidades que non todos os romanos podían permitirse. Hoxe día cando pensamos nos sistemas de calefacción, imaxinámonos radiadores de parede ou bombas de aire quente, pero cando falamos de casas de luxo, seguramente pensemos nun sistema de calefacción por chan radiante; pois os romanos máis podentes e influentes, xa dispoñían dun sistema similar nas súas impoñentes casas, o hypocaustum, que consistía nun chan elevado entre 40-60 centímetros sobre alicerces de ladrillos, baixo o cal circulaba o aire quentado por fornos de leña situados nun extremo da habitación, ao longo da estancia, e que se evacuaba a través de chemineas ocultas nas paredes.

A Domus Oceani ou Casa dos Mosaicos, dispoñía deste innovador sistema de calefacción nunha das súas estancias, que se cre que foi un triclinum hiemale (salón ou comedor de inverno) cunha extensión de 56 metros cadrados.

Situada na rúa Doutor Castro, tamén coñecida popularmente como rúa das Dozarías, pódense visitar os restos desta impoñente mansión romana, gozando dun vídeo explicativo que che guía a través das diferentes estancias, para entender como era a vida dunha familia romana de clase alta.

Sabías que os romanos se inspiraron nos mosaicos africanos para decorar esta piscina?

Piscina Santa María

Esta piscina estaba revestida integramente de mosaico, realizado con teselas grises e negras que se relaciona con mosaicos cristiáns de norteafricanos de tématica cristiana.

A decoración do mosaico debúxase xeralmente en gris escuro azulado e, ocasionalmente, en gris claro sobre fondo branco. A parede leste e o fondo decóranse con bandas de triángulos equiláteros graduados, formando unha decoración a modo de “copas de piñeiro investidas”. Na ábsida norte está representado o que pode interpretarse como o corpo dunha serpe que se morde a súa propia cola. Na ábsida sur o motivo decorativo é un semicírculo inscrito noutro maior e unido a el por liñas radiais.

A piscina, con forma rectangular e extremos menores absidais, conserva un pequeno chanzo da escaleira de acceso. No fondo da piscina, centrada no seu lado leste sitúase unha placa de mármore cuxa función sería amortecer a caída da auga. O baleirado da piscina realizábase a través dun pequeno desaugadoiro presente no fondo dun dos laterais, que desemboca nunha canle que discorre paralelo ao muro occidental.

Inicialmente interpretouse como un posible baptisterio, pero parece máis probable que se trate dun frigidarium (piscina de auga fría) pertencente a un complexo termal ou balneum doméstico, datada no século IV.

Nalgunas das domus máis destinguidas da cidade, contaban con pequenos baños privados, onde resultaba preceptivo a existencia de, polo menos, tres piscinas, para cumprir co rito terapéutico do baño: un primer baño de auga quente, no caldarium, seguido dun baño relaxado de auga temperada no tepidarium , para rematar cun baño de auga fría no frigidarium.

Na actualidade a piscina exponse a través dun vidro transparente a nivel de rasante na Praza de Santa María, onde se descubriu en 1960 ao realizar os traballos de pavimentación da contorna da catedral. Ante a falta de recursos para extraela, decidiron deixala baixo o pavimento da praza. Foi no ano 2004, cando os técnicos do Servizo Municipal de Arqueoloxía, localizaron a piscina e documentaron a súa situación exacta. Finalmente, no ano 2011, levaron a cabo as obras de restauración e valorización da piscina romana.

Sabías que a relixión romana admitía todo tipo de deidades e crenzas?

Templo Romano

En terreos pertencentes ao patio posterior do Círculo das Artes, e lindando coa muralla, áchanse os restos dun edificio de planta rectangular (non definida en toda a súa amplitude, dado que se atopa cortada polo edificio do Círculo) e cabeceira semicircular de pequeno tamaño, que parece corresponder a un pequeno templo datado en época romana tardía, no século IV.

Contaba cun pavimento de opus signinum (composto por fragmentos de tella e ladrillo), bastamente conservado, que se estendía tamén á cabeceira absidal, situada nun plano máis elevado con relación á sala principal. A súa construción é atípica no contexto arquitectónico do Lugo romano, para o que se atoparon paralelos noutras partes do Imperio Romano, especialmente en Portugal (San Cucufate e Milreu) e en Britania.

Aínda que este templo non pode ser relacionado co culto a ningunha divindade en concreto, as crenzas relixiosas rexistradas en Lucus Augusti alcanzan unha ampla listaxe que abarca dende os cultos claramente de tradición indíxena ou prerromana ata os puramente clásicos e outros de procedencia oriental.

Estas crenzas, agrupadas en tres grandes bloques, contemplan exemplos de asimilación, reinterpretación e sincretismo por todas partes.

Os romanos foron moi cautelosos no seu proceso de culturización dos pobos conquistados, por iso, sen impoñer rixidamente os seus hábitos e crenzas, sobreviven moitos dos cultos ás divindades indíxenas antes presentes no panteón galaico. Nalgunas delas son Tutela, Verora, Rea/Reo, Rego ou Laho Paraliomego.

Os cultos oficiais están mellor representados, centrados especialmente en Xúpiter (pai de deuses e de homes), que na cidade de Lugo aparece venerado cos atributos de Óptimo, Máximo, Conservador (protector da figura do emperador). Tamén se achan tributos a Mercurio (deus do comercio, fillo de Xúpiter e Maia Maiestas) e Venus (deusa do amor, a beleza e a fertilidade).

Tamén os cultos orientais parecen prender con forza nesta terra, en datas xa avanzadas no Imperio. Entre eles é Caelestis, interpretación da divindade africana Tanit, a deidade máis venerada; Mitra, unha deidade de tipo solar de orixe persa; e Amón e Isis, divindades do panteón exipcio.

Por último, outro dos feitos que marcaría a relixión no Lugo romano, xa en época tardía, é o papel do Cristianismo, que acabará estendéndose e impoñéndose sobre os outros cultos.

Sabías que os romanos dispoñían dun sistema de sumidoiro protexido por Cloacina, a diosa da pureza?

Cloaca

Os romanos daban unha gran importancia á eficacia do sistema de rede de sumidoiros no desenvolvemento da cidade e o mantemento dunha boa hixiene que permitise previr as epidemias. É por este motivo que rendían culto a unha deusa da pureza e protección das augas: Cloacina.

Esta apareceu o día en que os romanos atoparon unha estatua entre as súas augas e pensaron que era un sinal dos ceos. Chamárona Cloacina, que significa “ purificar” e “limpar”, que tamén fai referencia aos termos “sumidoiro” ou “cloaca”. Foi nomeada patroa da Cloaca Máxima*, o sistema de rede de sumidoiros de Roma. Co tempo, converteuse en deusa da pureza, protectora da saúde sexual e deusa da inmundicia. Na súa honra, construíuse un altar no foro de Roma, onde se adoraba con rezo rimado, e foi imaxe dalgunhas moedas romanas.

As cloacas foron exportadas a todas as cidades do imperio romano cun tamaño medio ou grande e, con elas, o culto á deusa Cloacina.

En Lucus Augusti, o antigo sistema para canalizar as augas sucias e residuais localizados o lado das calzadas, son sustituidos en época tardía por novos colectores que, en forma de cloacas ou túneles subterráneos abovedados, discorrían baixo o eixe das rúas. Construída, a mediados do século IV, en albanelaría de lousa unida con morteiro de arxila e cal, rematada en cuberta abovedada do mesmo material, as súas medidas oscilan entre 1,50/1,80 metros de altura e 0,60/0,80 metros de ancho.. Cunha lonxitude duns 380 metros, una de las principales cloacas, percorría a cidade, dende a parte alta,seguindo a pendente oeste, ata a súa saída en Porta Miñá, prolongando o seu trazado máis aló desta.

Na sala de Porta Miñá, aínda se conservan hoxe en día os restos dun tramo de 13 metros desta cloaca.

*Cloaca máxima: significa “o sumidoiro maior”, unha das máis antigas redes de sumidoiros do mundo. Construída na Antiga Roma co fin de drenar os pantanos locais e eliminar os desperdicios dunha das cidades máis poboadas do mundo antigo, levaba un efluente cara ao río Tíber.

Sabías que despois de máis dun século do seu descubrimento, segue a ser uns dos misterios indescifrables da arqueoloxía galega?

Santa Eulalia de Bóveda

O templo de Santa Eulalia ou Santalla de Bóveda, un conxunto monumental situado no val do río Mera, a uns 14 kilómetros de Lugo, arrastra dende o seu achado en 1926 o apelativo de “monumento enigmático”. Decenas de arqueólogos e investigadores da arte de todo o mundo expuxeron durante un século as súas variadas interpretacións sobre o sentido e a orixe desta xoia, cuxa construción é tardorromana (nos séculos III e IV).

Trátase dun edificio singular que non parece ter paralelos, polo menos na metade occidental do Imperio Romano. Orixinalmente constaba de dúas plantas. Da superior queda soamente o arranque da cuberta abovedada. A inferior, con todo, consérvase case na súa totalidade, en parte debaixo da actual igrexa, e consiste nun espazo de planta rectangular con tres naves divididas por arcadas, un nicho ou ábsida rectangular ao fondo, cunha pequena piscina na nave central, que recollía o manancial, e un pórtico de entrada con dúas columnas e varios curiosos relevos na fachada.

Destacan as magníficas pinturas da bóveda nas que se representan a naturalidade de diferentes aves entre rombos trazados con motivos vexetais estilizados, as póla novas e vellas da vide entrelazadas, etc. Conservado en boa parte, é un dos exemplos máis importantes de pintura mural romana tardía, de finais do século IV.

Historicamente defendéronse varias opcións para definir o uso orixinal de Santa Eulalia: un edificio de carácter pagán, un templo paleocristián, un ninfeo ou culto ás divindades da auga, un edificio dedicado á deusa Cibeles, un templo funerario dun seguidor de Dioniso, o deus da mitoloxía clásica da vendima e o viño; sen que ata agora se producira un acordo unánime, aínda que todas elas destacan o seu carácter sacro.

Ademais, existe outro enigma sobre Santa Eulalia de Bóveda que fai referencia á súa localización na contorna, xa que apenas se escavou ao redor seu, o que leva a exporse se se trata dun elemento independente ou, pola contra, formaba parte dunha vila.

Declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931, trátase dun edificio que, pola súa especial singularidade, merece ser visitado.

Sabías que este cubo é testemuña dos grandes cambios sufridos nesta zona ao longo da historia?

Reducto de María Cristina

Este cubo forma parte do tramo orixinal da muralla romana de Lucus Augusti que, xa dende a época medieval, estba oculto na zona denominada do Campo Castelo. Estes restos, restaurados e integrados en parte dentro dun baixo comercial, poden ser observados dende o propio adarve da muralla, entre a actual Porta do Bispo Izquierdo e a Torre de “A Mosqueira”.

Aínda que oculto ata o seu descubrimento en 1994, durante a intervención arqueolóxica realizada nun solar na praza de Campo Castelo, este cubo foi testemuña dos grandes cambios que sufriu esta zona da cidade ao longo da historia. Próximo a el, asentouse o castelo medieval, que dá nome á praza e, posteriormente, en época moderna, o cárcere eclesiástico e no que, con toda probabilidade, existía unha porta romana. Ademais, a mediados do século XIX, construíuse o denominado reduto María Cristina.

O reduto María Cristina é un baluarte ou bastión defensivo, de forma triangular, que foi levantado en 1837 polo Corpo Nacional de Enxeñeiros para a localización da artillería. Denomínase así en honra á raíña rexente, María Cristina de Borbón, nai de Isabel II.

Foi construído coa finalidade principal de mellorar a defensa da cidade en plena Primeira Guerra Carlista nunha zona, a do Campo Castelo (entre a porta de Bispo Aguirre e a Torre da Mosqueira), en que o adarve da muralla achábase interrompido, xa na época medieval, por varias construcións asentadas directamente sobre a mesma. Esta obra é considerada como a reforma máis importante que sufriu a muralla na época contemporánea e quizais, en toda a súa historia, xa que supuxo unha modificación substancial do seu trazado orixinal nesta zona, permitindo con iso dar continuidade a todo o adarve da muralla.

Sabías que, antes da súa construción, por aquí entraba á cidade o acueduto romano?

Porta de San Fernando

Esta é a primeira das 5 portas modernas construídas ao longo dos séculos XIX e XX, concretamente foi aberta no ano 1854. Situada na zona norte da cidade, no lugar por onde o acueduto de orixe romana introducía a auga, zona antes coñecida como “Boquete” en referencia ao oco que había na muralla para facilitar o paso do acueduto, serviu para comunicar a cidade dentro dos muros coas poboacións máis setentrionais da península.

Non foi ata o ano 1858 que se lle deu nome a esta porta. Con motivo da visita da raíña Isabel II e a súa familia á cidade, o Concello acordou poñerlle o nome do futuro rei Alfonso XII, polo que, dende ese momento e ata o ano 1962, coñeceulla como Porta do Príncipe Alfonso.

No ano 1962 a porta foi reformada, debido á crecente poboación nesta parte da cidade, o que dificultaba o tráfico, e por iso decidiuse o seu ensanche. Durante o ensanche, aproveitouse para derrubar os edificios que foran construídos na cara exterior desta zona da muralla, derribas que continuarían 14 anos ata que se eliminaron por completo todas as edificacións levantadas xunto á muralla.

Tras esta ampliación, a porta foi nomeada de novo e pasou a chamarse Porta de San Fernando,por estar o lado do cuartel do mesmo nome, tal e como a coñecemos hoxe en día.

A porta está integrada por dous corpos estruturais verticais de granito coroados por unha imposta da que arrincan os arcos directrices, carpaneis de cinco centros, rematados por doelas do mesmo material, entre os que se desenvolve a bóveda de lousa, de paso oblicuo ou corno de vaca.

Un dos aspectos máis característicos desta porta é a súa gran amplitude de paso, 12,5 metros na actualidade, 7 máis que a orixinal construída en 1854.

Conta nos seus paramentos laterais con senllos ocos, destinados, no seu momento, a albergar transformadores.

Na actualidade, un monolito á beira da porta lembra outra visita real, a que fixeron os entón Reis de España Juan Carlos I e Sofía no ano 1976.

Atravesando esta porta, actualmente só de saída, queda atrás a Praza de Ferrol, na que se atopan a Igrexa de San Froilán e o antigo cuartel da garda civil, para chegar á Avda. da Coruña que, como o seu propio nome indica, conecta Lugo coa cidade da Coruña.

Sabías que a súa escasa ornamentación débese á precaria situación económica da época?

Porta da Estación

Esta porta, chamada Porta da Estación, foi aberta no ano 1875 na época contemporánea, baixo o proxecto do arquitecto Nemesio Cobreros Cuevillas. Esta porta foi construída a petición dalgúns veciños como consecuencia da necesidade de comunicar o centro da cidade coa nova estación de ferrocarril. Segundo se observa nas antigas fotografías que se conservan, o primeiro proxecto da porta que se realizou presentaba un certo aire medievalista, cun arco de medio punto situado entre dúas altas torres voadas.

Un ano máis tarde ampliouse e, para iso, derrubáronse as dúas torres entre as que se abriu a porta. Foi no ano 1921 cando se ampliou aínda máis e esta obra supuxo a derriba por completo da primeira porta e a construción da existente na actualidade. A escaseza de elementos ornamentais nesta porta débese á precaria situación económica provocada pola Primeira Guerra Mundial.

Caracterízase por sobriedade e sinxeleza, presentando dous grandes pilastras de perpiaños de granito que soportan o arranque dun amplo arco carpanel que ten uns 10 metros de ancho e 8 metros de altura. A bóveda e os paramentos son de albanelería de lousa con revestimento de morteiro. Nos laterais interiores hai, incrustadas no muro, dúas habitacións con porta alintelada que, naquela época, serviron para a recadación do imposto de consumos, un dos máis gravosos e inxustos coas clases menos favorecidas xa que se trataba de produtos que eran de primeira necesidade. Todo isto tivo lugar durante o século XIX e parte do século XX.

Hoxe, esta porta xunto coa Porta de Bispo Odoario, son as únicas polas que pode acceder o tráfico rodado ao interior da muralla.

Atravesando esta porta, atópanse á dereita unhas escaleiras que permiten subir á Muralla.

Sabías que para a súa construción derrubáronse unhas escaleiras e un cubo orixinais?

Porta do Bispo Izquierdo

Tamén coñecida como Porta do Campo Castelo ou Porta do Cárcere, foi a terceira porta aberta no século XIX, concretamente no ano 1888.

O seu nome débese a Francisco Izquierdo e Tavira (1686-1762), nomeado bispo de Lugo o 16 de setembro de 1748, quen realizou, á súa costa, unha nova traída de augas, paralela ao acueduto romano, para poder abastecer á crecente poboación lucense, e tres fontes para beneficio público. Mesmo destinou a renda de dúas casas á conservación destas construcións.

Decidiuse construír esta porta trala inauguración do novo cárcere en 1887, hoxe coñecida como “O Vello Cárcere”, para facilitar o cambio de garda e o acceso ao xulgado. No proceso de construción foi necesario derrubar unhas escaleiras de acceso ao adarve da muralla, seguramente romanas, e o cubo no que estaban aloxadas, ademais dunha pequena parte do Reduto María Cristina.

Situada a uns 150 metros da Porta do Bispo Aguirre, álzase sobre unha imposta de granito corrido, e conta cunha bóveda de medio canón, executada a base de doelas de granito. No exterior obsérvase o arco de medio punto, con 4,3 metros de ancho e 7,15 metros de alto, 8,10 metros ata o adarve. Os paramentos laterais son de albanelaría de lousa, revestidos de morteiro de cal.

Na súa construción aproveitouse parte da pedra procedente da derriba, e o sobrante empregouse na construción de rede de sumidoiros na parte norte da cidade e para encher o desnivel entre a rolda exterior da muralla e o que hoxe é o Campo Castelo.

Hoxe, a través desta porta, accédese ao Campo Castelo, unha zona de lecer composta por un parque infantil e múltiples locais, tanto de hostalería como comercios.

Sabías que para a súa construción derrubáronse unhas escaleiras e un cubo orixinais?

Porta do Bispo Aguirre

Situada no lado sur da muralla, foi construída no ano 1894, sendo a cuarta porta aberta no século XIX. Recibe o seu nome do que fora obispo de Lugo, Gregorio María Aguirre García, nado o 12 de marzo de 1835 en Pola de Gordón, provincia de León, e cursou os seus estudos filosóficos e teolóxicos no Seminario de León, ingresando despois na orde franciscana.

Foi ordenado sacerdote en setembro de 1859 polo entón arcebispo de Toledo, o Cardeal Cirilo de Alameda e Brea. En 1884 nomeóuselle penal da Basílica Laterana, catedral de Roma, pero nunca chegou a tomar posesión do cargo.

O 21 de xuño de 1885, foi ordenado Bispo de Lugo, cargo que desempeñou ata o 20 de agosto de 1894 debido ao seu traslado a Burgos, durante o cal, ordenou construír o novo Seminario Maior de Lugo.

Este foi un dos motivos da construción da que hoxe coñecemos como Porta do Bispo Aguirre: facilitar a comunicación da cidade co novo Seminario, ademais do antigo cemiterio situado nas inmediacións da actual Avda. Ramón Ferreiro.

Para a súa construción, seguindo o proxecto do arquitecto Nemesio Cobreros foi necesario derrubar dous cubos orixinais da muralla, nun dos cales apareceron dúas lápidas da época romana, conservadas actualmente no Museo Provincial; algo habitual, por outra parte, na muralla lucense.

A porta está formada por un arco carpanel, de 10 metros de anchura e 8,15 de altura ata a clave, 9 metros ata o adarve.

A bóveda e os paramentos son de lousa. Nos laterais hai dúas habitacións con xanela e porta alintelada, que no seu día se destinaron para o cobro de taxas municipais sobre o tráfico de mercadorías.

Consérvase unha placa de mármore lembrando o agradecemento da cidade ao ilustre bispo.

Esta porta chegou aos nosos días sen variacións dende a súa construción, a finais do século XIX, fóra da peonalización da rúa que a atravesaba e o tramo da Rolda da Muralla que pasa por diante.

Sabías que para a súa construción dinamitouse un tramo da muralla?

Porta do Bispo Odoario

Esta porta, a última das cinco modernas, construída xa no século XIX, non estivo exenta de polémica. Anxo López Pérez, entón alcalde da cidade, ordenou, en 1921, dinamitar esta zona da muralla para mellorar a comunicación da cidade co novo hospital que se estaba construíndo, o hospital de Santa María.

Esta polémica decisión, que levou por diante un dos cubos orixinais da muralla, provocou a denuncia de varios veciños, derivando nun contencioso fallado contra o Concello, o que deu lugar a que o 16 de abril do mesmo ano o Estado declarara Monumento Nacional á muralla de Lugo, co fin de dotala de maior protección.

A porta, finalizada en 1928, é tamén coñecida como Porta do Hospital, pero é o bispo Odoario quen dá nome oficial á porta. Este foi un dos primeiros bispos da cidade de Lugo, venerado como Santo nalgún tempo, probablemente traído por Alfonso I cara ao ano 750. E debeu de falecer cara ao ano 780.

Situada no lado oeste da cidade, fronte ao que no seu día foi o hospital de Santa María, esta gran porta de aire medievalista, enmárcase entre dúas pilastras que terminan na parte inferior cun contraforte decorativo e na parte superior dúas grandes bólas.

Un dos aspectos máis característicos desta obra é a dobre curvatura que fai o arco, chamado de paso oblicuo ou de corno de vaca, co obxectivo de poder seguir o xiro que neste punto fai o trazado.

Cos seus 12 metros de ancho e os seus 9,10 metros de altura, é a segunda porta máis grande da muralla, só por detrás da actual Porta de San Fernando.

A súa bóveda e paramentos laterais son de albanelería de lousa. Aos lados hai dúas habitacións para os fielatos, ás que se accede por unha porta de arco de medio punto.

Hoxe, esta porta, xunto coa Porta da Estación, son as únicas polas que pode acceder o tráfico rodado ao interior da muralla. Ao atravesala atópase o Sanatorio Nosa Señora Dos Ollos Grandes á dereita e o Instituto de Educación Secundaria Xoán Montes á esquerda.

Sabías que neste antigo convento podes viaxar a través da historia da cidade?

Museo Provincial de Lugo

Este museo, cuxa actual sede é o antigo convento de San Francisco, consta de 32 salas nas que poden ser observados dende materiais arqueolóxicos, ata unha gran variedade de bens histórico-artísticos de diferentes etapas cronolóxicas procedentes, na súa maioría, da cidade de Lugo.

O museo destaca por albergar gran cantidade de obxectos que mostran a evolución histórica da cidade de Lugo, dende as súas orixes en época romana, alá polo ano 25 a. C, da que se conserva unha importante colección epigráfica, escultórica e de mosaicos, destacando sobre todo o maxestoso mosaico descuberto no ano 1986 nun solar da rúa Armañá, e pasando polas etapas medieval e moderna, das que se conservan numerosos capiteis, fustes e escudos dos principais edificios relixiosos e civís da cidade de Lugo.

Pero a actual localización, na Praza da Soidade, non foi a súa primeira localización. No ano 1932, co fin de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, a Deputación de Lugo acorda construír o Museo Provincial de Lugo no pazo de San Marcos, obra que se materializaría dous anos máis tarde, en 1934, baixo a dirección de D. Luís López Martí. Este primeiro Museo Provincial contaba con varias salas nas que se expoñían materiais arqueolóxicos, históricos, artísticos, etc. ata ese momento dispersos en coleccións particulares.

O continuo incremento de materiais e as limitacións do espazo das instalacións obrigaron, en 1957, a trasladar o museo, dende o pazo de San Marcos, ata a súa actual localización no antigo convento de San Francisco. Aquí, o arquitecto vigués D. Manuel Gómez Román (1875-1964) deseña un novo edificio con aires de pazo galego, pero mantendo tres das estancias deste vello cenobio (cociña, claustro e refectorio).

Xa no ano 1962, o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. E no ano 1997 foi ampliado segundo o proxecto do arquitecto González Trigo.

Sabías que era o edificio do antigo matadoiro no século XIX?

Sala Porta Miñá

Este edificio é hoxe sede dunha exposición permanente sobre o Lugo romano, pero en 1886, foi o matadoiro municipal da cidade. Na actual exposición explícase a configuración de Lucus Augusti seguindo o seu proceso evolutivo, dende as súas orixes, a finais do século I, como campamento, pasando pola súa época de máximo esplendor e fortificación, ata o seu ocaso, a finais do século V.

O edificio está situado fóra do recinto amurallado, próximo á porta da que recibe o nome, fronte á capela da Virxe do Carme e en plena ruta xacobea do Camiño Primitivo. Acolle unha magnífica exposición, na que os visitantes poden realizar unha viaxe histórica ao Lugo romano, dunha maneira didáctica e amena a través da combinación de fotografías, planos, recreacións e numerosos obxectos arqueolóxicos procedentes das escavacións realizadas na cidade ao longo dos últimos 30 anos.

A exposición divídese en dous bloques, o primeiro, ao entrar á dereita, abarca os tres primeiros séculos de vida da cidade, partindo da súa orixe como campamento militar, mentres que o segundo bloque, ao entrar á esquerda, mostra os séculos seguintes, dende a fortificación da cidade a finais do século III ata a chegada dos suevos no século V.

Tras o asentamento do campamento militar e a fundación da cidade a finais do século I a. C., comezará en Lucus Augusti unha época de forte desenvolvemento urbanístico, equiparable ás grandes urbes do momento. A través dos paneis da exposición, os visitantes poderán coñecer a configuración da cidade en función dunha cuadrícula case perfecta de rúas interiores orientadas ao redor de dous eixos principais, o kardo maximus (N-S) e o decumanus maximus (E-W).

Tamén se poderá coñecer nesta exposición a importancia que tiña para os romanos o Foro, espazo aberto no que se organizaba a maior parte das actividades públicas, xurídicas, administrativas ou lúdicas da cidade, e as Termas, onde os cidadáns galaico-romanos dedicaban tempo ao exercicio físico e ao coidado do corpo.

Xa ao final da exposición, recóllese a conquista da cidade polos suevos no domingo de Pascua do ano 460, o que provocou o declive urbanístico do Lugo romano e o abandono progresivo de gran parte dos edificios.

Esta exposición é visita obrigada, tanto para lucenses como para foráneos, para así entender a historia e evolución da nosa cidade.

Sabías que aquí se conservan representacións que aluden, talvez, a divindades exipcias?

Centro arqueolóxico de San Roque

Como consecuencia da exhumación dunha gran necrópole na zona de San Roque, descubriuse un gran estanque de auga, posiblemente construído entre os séculos I e II, que podería estar relacionado co propio ritual funerario, ou quizais con algún culto relixioso no que poderían estar presentes divindades orientais, e é que as gárgolas de entrada e saída da auga, ambas orientadas ao sur, parece representar: a primeira a unha medusa ou esfinxe e a segunda unha cabeza de carneiro, sendo esta última a representación máis habitual do deus exipcio Amón.

Trátase dun insólito lacus (estanque) de 6 por 4,4 por 0,80 metros e está fabricado en opus caementicium(formigón romano), cunha superficie interiorenfoscada con fina argamasa de cal, area e po de ladrillo (opus signinum) A súa construción respetou a existencia dun pequeno manantial existente no lugar, e que se conserva baixo este.

Ademais do estanque, existen restos do que no seu día foi un forno de planta cuadrangular dedicado á fabricación de material cerámico a finais do século IV. Crese que tamén puido ser un ustrinum (forno crematorio) dada a proximidade da necrópole existente na zona.

En Lucus Augusti o barrio oleiro, composto por máis de 30 fornos, situábase preto das zonas de necrópoles, na cara leste da cidade, para que os ventos do oeste afastasen o fume do núcleo urbano e así evitar posibles incendios.

Hoxe, a pesar de que a zona foi ocupada polas edificacións dende hai moito tempo, pódense ver no Centro Arqueolóxico de San Roque, situado detrás da igrexa, tanto o estanque ritual, como os restos do forno, ademais de varias tumbas de incineración e inhumación.

Sabías que aquí se desvelan os segredos da muralla de Lucus Augusti?

Centro de Interpretación da Muralla

O Centro de Interpretación da Muralla, situado nun edificio rehabilitado do século XVIII da praza do Campo, en pleno centro histórico, desvela os segredos da muralla, mostrando os diferentes aspectos da mesma, dende as súas características construtivas, a súa historia ou os seus múltiples usos, cunha perspectiva máis social e lúdica.

Este centro ten como obxectivo principal explicar e facilitar a comprensión da historia e o descubrimento da muralla romana de Lugo. A través dun discurso que permite, á súa vez, que a muralla sirva de fío condutor para explicar e entender a evolución da propia cidade ao longo do tempo, vinculando o resto dos recursos patrimoniais da cidade de tódalas épocas co propio monumento.

Este edificio atópase dividido en catro plantas, cada unha dedicada a unha época diferente da muralla, pero todas seguen a mesma organización. En cada unha das plantas hai un vídeo no que se explica como ve a cidadanía o monumento e como inflúe no día a día da capital.

Na planta baixa sitúase a recepción dos visitantes e un punto de información turística do Concello de Lugo. A primeira planta mostra a construción da muralla como obra de enxeñería. Nesta planta, búscase dar a coñecer o cando, o como, o quen e o porqué do nacemento dunha cidade e unha muralla, amosando tamén os restos que, na actualidade, Lugo pon ao seu alcance. Na segunda planta coñécense os cambios da muralla en época medieval e moderna. O terceiro nivel fala da muralla na actualidade, a súa interacción coa poboación e o nomeamento como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Para conseguir os obxectivos, a información preséntase da maneira máis didáctica e amena posible. Combínanse diversos recursos expositivos que van dende paneis explicativos, audiovisuais, pantallas táctiles (con simulacións sobre como era a cidade, con edificios, personaxes e lugares relevantes), ata exposicións de obxectos arqueolóxicos e maquetas.

Con esta distribución e elaboración dos contidos téntase que sexa o propio visitante o que decida canto tempo quere investir en ver o centro.

Sabías que aquí se garda o monolito fundacional da cidade romana?

Museo Interactivo da Historia de Lugo

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) está situado no actual parque da Milagrosa, na zona norte da cidade, obra dos arquitectos Nieto-Sobejano e inaugurado en 2012.

Este edificio configúrase como un parque-museo, xa que a estrutura está soterrada baixo un amplo xardín do que sobresae a través duns grandes cilindros revestidos de aceiro Cor-ten.

A distribución do espazo é en base a unha serie de salas cilíndricas, iluminadas por lucernarios, que albergan as áreas expositivas (temporais e permanentes) que culminan no espazo principal do museo que distingue dous espazos destinados ás exposicións.

En todo este museo, destaca a denominada “caixa negra”, espazo de 500 metros cadrados no que, a través dunha pantalla semicircular de 10 metros, proxéctase un audiovisual sobre a cidade de Lugo ao longo da súa historia. O museo está exposto como un camiño a través da historia. A medida que se avanza polos seus recunchos, ilumínanse obxectos, proxéctanse vídeos e ilumínanse maquetas históricas da cidade.

A súa exposición permanente acolle, entre outras, unha mostra sobre o Lugo romano, na que se pretende dar unha visión desta etapa da cidade mediante o recurso de audiovisuais, maquetas interactivas e paneis, xunto cunha pequena selección de pezas arqueolóxicas entre as que destaca o monolito granítico que recolle a inscrición fundacional da cidade, mandado levantar por Paulo Fabio Máximo na honra do emperador Augusto, entre os anos quince e trece antes de Cristo. Tamén se exhiben outras pezas de interese, como unha máscara teatral de terracota e un conxunto de pezas epigráficas e cerámicas.

Tamén se acollen diversas exposicións temporais entre as paredes deste museo.




Os precedentes da arqueoloxía lucense

Os primeiros datos sobre os restos arqueolóxicos da antiga Lucus Augusti arrincan no século XVI. O clérigo lucense Juan Pallares e Gayoso, no seu “Argos Divina” (1700), fala dunha maneira máis detallada dos restos visibles do Lugo romano. Será a partir do século XIX cando se xeneralicen as noticias sobre novos achados fortuítos, como o descubrimento do afamado mosaico de Batitales en 1842. Xa no século XX os datos arqueolóxicos sairán á luz pública cada vez máis rápidamente, ben sexa mediante os estudos de destacadas figuras, como D. Manuel Vázquez Seijas, monografías históricas ou simposiums científicos, como o Bimilenario da cidade en 1975.